Wednesday 15 de May de 2024

Economía e Industria busca na feira Formex de Estocolmo novas canles de distribución para a Artesanía de Galicia


A Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño presenta neste encontro de referencia do deseño nórdico unha nova colección con pezas de 24 obradoiros

A Consellería de Economía e Industria impulsa a comercialización e a promoción de Artesanía de Galicia no mercado nórdico na feira de decoración Formex, que se celebra en Estocolmo desde hoxe e ata o vindeiro sábado, 17 de xaneiro, unha iniciativa coa que se busca abrir novas canles de distribución para o produto artesán galego.

A Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño presenta na capital sueca unha nova colección de pezas de 24 artesáns galegos, coa que se ofrece unha proposta para crear ambientes inspiradores e con estilo baseados no produto artesán e nos que a artesanía tradicional desenvolve un papel fundamental.

A porcelana, o téxtil tecido á man, o coiro ou as figuras tradicionais de San Andrés elaboradas con miga de pan únense á cerámica, á cestería tradicional, á cestería téxtil, á olería tradicional ou ás pezas utilitarias elaboradas en madeira na escolma que representa o produto artesán galego en Formex, feira na que Artesanía de Galicia participa desde o ano 2013.

Formex está considerada unha das feiras profesionais de decoración de referencia do deseño nórdico, e celébrase en dúas edicións anuais, en xaneiro e agosto. Trátase dunha oportunidade única para a reunión de axentes, importadores, deseñadores, produtores e compradores de deseño interior e da industria de agasallos, unha porta aberta a un mercado internacional no que o produto artesán galego está a introducirse.

A participación de Artesanía de Galicia na feira de Estocolmo enmárcase no novo Plan de Artesanía de Galicia, unha folla de ruta impulsada pola Consellería de Economía e Industria coa que se busca acadar un sector artesán sólido e sostible no tempo e que contribúa ao crecemento da economía galega, incidindo na competitividade empresarial e a potenciación do talento galego. A comercialización e promoción do produto artesán galego a través da consolidación da marca Artesanía de Galicia nos diferentes mercados, constitúe unha das liñas estratéxicas que se enmarcan dentro deste plan impulsado pola Xunta.

Entre as novidades da escolma que Artesanía de Galicia presenta nesta edición atópanse as pezas de coiro do obradoiro Media Lúa (Santiago de Compostela), as figuras tradicionais de Santo Andrés de Teixido elaboradas con miga de pan polo taller de Jorge Bellón (Cedeira) ou as do obradoiro téxtil Belategui Regueiro (Cambre) que, xunto co Centro de Recuperación da Cultura Popular (Mondariz) amosarán pezas tecidas á man.

A porcelana estará representada por pezas de Cerámica Suve (Cangas), Como Cuando (Vigo), Marta Armada (Vigo) e Víctor Ares (A Coruña). A cerámica que participa no stand está elaborada polos talleres de Lucía Catuxo (Trabada), Manuel Figueiras (Muros), Nacho Porto (Carnota), Regal Cerámica (Viveiro), Suso Fernández (Taboada) e Unzueta Cerámica (Brión).

En canto á olería, haberá unha representación de tres centros de olería tradicional galega: Niñodaguia, coas pezas de Alfarería Agustín (Xunqueira de Espadanedo), Gundivós, co traballo de Rectoral de Gundivós (Sober) e Buño, coas pezas de olería contemporánea baseadas na ampla tradición oleira desta localidade de Malpica de Bergantiños a partir do traballo de Alfarería Lista e Alfarería Aparicio.

No stand compartirán espazo os cestos tradicionais de Antonio Suárez Davila (Vigo) e a cestería contemporánea con materiais téxtiles elaborada por Idoia Cuesta (Outeiro de Rei). En canto á madeira, os obradoiros que levan as súas pezas a Formex son Armaior (Quiroga), Artesanía Ferradáns (A Estrada), Atalanta (A Estrada) e Elena Ferro (Merza).